Thursday 02 de May de 2024

O apoio á muller en contextos de prostitución e o xornalismo como ferramenta pola igualdade protagonizan a IV Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller en Boqueixón


Tatiana Conde presentou o traballo que se fai desde o Programa Vagalume e Eliana Martíns falou da perspectiva de xénero na comunicación

A IV Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller celebrada esta fin de semana en Boqueixón non foi quizais a máis concorrida da súa historia, pero si a máis participativa. As máis de corenta persoas que se deron cita no auditorio da Casa da Cultura de Camporrapado debateron intensamente sobre os dous temas propostos, apoio á muller en contextos de prostitución e o xornalismo como ferramenta pola igualdade. Tal foi o interese que espertaron ambos temas, que a xornada prolongouse unha hora máis do inicialmente previsto.

Unha xornada organizada polo Centro de Información á Muller de Boqueixón, en colaboración co Ministerio de Igualdade e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, foi o encargado de presidir o evento e tamén de dar a benvida ás persoas asistentes lembrando que “todos e todas somos necesarios para erradicar a violencia de xénero da nosa sociedade”, facendo fincapé en que “temos que implicarnos e temos que trasladarlles ás vítimas que non están soas e que poden contar coa nosa axuda”.

Debate

Acto seguido, a directora do CIM, Cristina Carbajales, deu paso a Tatiana Conde, profesional do Programa Valagume de apoio integral a mulleres en contextos de prostitución ou vítimas de trata con fins de explotación sexual. Tatiana Conde explicou que “a desigualdade de xénero, a feminización da pobreza e os fluxos migratorios son factores interrelacionados e determinantes na prostitución, na explotación sexual e na trata de persoas con fins de explotacións sexual”.

Aínda que quixo evitar facer un perfil das mulleres en situación de prostitución en Galicia, indicou que os datos demostran que o 90% son de orixe estranxeira, sobre todo de países como Brasil, República Dominicana, Colombia, Venezuela, Rumanía e Nixeria. Porén, alertou tamén de que “empezamos a atoparnos con cambios, non só na nacionalidade e nas idades, senón tamén nos niveis de estudos, por exemplo”.

Un dos puntos máis debatidos pola audiencia foi a permisividade que a sociedade manifesta cara a prostitución, “cando os clubs onde se exerce están á vista de todos”. Neste sentido, Tatiana Conde indicou que “a prostitución é alegal, salvo temas de trata”, polo que nin sequera hai informes ou estudos fiables sobre a mesma. Iso si, denunciou tamén un aumento da prostitución en pisos fronte a certa baixada nos clubs, o que aínda dificulta máis o traballo de asociacións como Vagalume.

Xornalismo e igualdade

Posteriormente, Yolanda Neira, psicóloga do CIM de Boqueixón, presentou a Eliana Martíns, xornalista especializada en igualdade e perspectiva de xénero na comunicación, quen abordou a ponencia “O xornalismo, aliado para a igualdade”. Vogal do Colexio de Xornalistas de Galicia e da asociación Xornalistas Galegas, Eliana Martíns comezou falando do papel da muller “como elementos decorativos nos medios de comunicación” e do feito de que un 70% dos postos directivos en medios de comunicación estean en mans de homes.

Nunha intervención moi interactiva e baseada en exemplos de actualidade, esta veciña de Boq ueixón fixo fincapé na necesidade de “instaurar o tratamento especializado da violencia de xénero nos contidos dos medios”. Así, explicou que as vítimas da violencia de xénero non morren, senón que son asasinadas e insistiu na necesidade de non culpabilizar á vítima ou tratar de xustificar ao agresor.

Paralelamente ás intervencións, a Casa da Cultura de Camporrapado acolleu a exposición “Historias de Vida”, uns paneis que recollen os aspectos máis importantes das mulleres que participan no programa de Prevención da Dependencia en Boqueixón. Unhas historias que recollen a mulleres cheas de ensinanzas, fortes e decididas, ás que se lles da a oportunidade de compartir as súas vivencias de superación e traballo cos demais.

Así mesmo, instalouse na entrada un stand literario onde Noelia Míguez asinou e vendeu exemplares do seu libro “Ocho señales. Cuestión de vida o muerte”, presentado o pasado 5 de novembro nese mesmo auditorio. Finalmente, houbo o tradicional Photocall pola Igualdade con mensaxes en contra da violencia contra a muller.